A Banda de Música de Visantoña formouse no ano 1877, baixo o mecenado do dono do Pazo de Vilar de Ferreiros, quen lle encargou ao fillo dun dos seus caseiros, Ramón López Soto, a tarefa de formar unha banda, tras regresar este do servizo militar cunha nocións de música.
Desde aquel ano e até hoxe, a Banda de Música de Visantoña non deixou de tocar, converténdose nunha das bandas máis antigas debido á súa historia ininterrompida. Durante toda a súa vida, tivo un papel fundamental Eugenio Pazos Reyes, director da banda durante case corenta anos (entre 1955 e 1994). Don Eugenio, convencido de que a subsistencia e historia da Banda de Música pasaba inevitablemente pola educación musical, dedicouse, ademais de á dirección, a formar musicalmente, xeración tras xeración, centos de alumnos e alumnas da comarca, moitos deles, hoxe, músicos profesionais. Desde o ano 2008, a Escola de Música leva o seu nome en recoñecemento ao seu intenso e magnífico labor.
Desde o ano 1994 e até o 2011, a D. Eugenio Pazos relevouno na dirección o seu neto Uxío Pazos Pintor con quen a calidade musical da banda foi en ascenso, facendo numerosos concertos por todo o territorio e grandes innovacións na formación. Así, con el promoveuse o recoñecemento oficial da escola de música no ano 1998 e, máis tarde, a creación dun coro. O director Uxío Pazos deixou a dirección no ano 2011, cerrando así un ciclo lonxevo. A partir deste momento, pasou a dirixir a Banda de Música de Visantoña Santiago García Mella, un lalinenese que estivo na agrupación durante tres anos. No ano 2014 colle a dirección Iván Pantín, tubista nado en Miño con quen a banda percorreu toda a nosa xeografía e o estranxeiro, chegando a tocar en lugares como Tarragona ou Bruxelas. Ademais, con el, por primeira vez a banda acode ao Certame da Federación Galega de Bandas Populares de Música, e fai colaboracións importantes con artistas como Pablo Díaz.
Desde o ano 2021 a batuta está a cargo do lalinense Alejandro Carral. Actualmente, a banda, que xa conta con máis de 140 anos de historia ininterrompida, está formada por case corenta músicos que seguen tocando por todo o territorio galego e fan que a banda e a escola sexan dous dos elementos fundamentais da dinamización cultural de Santiso e da súa contorna.